Obra expuesta: Multiplicador Mecánico Autónomo 4.0. Tipo: Tecnología mecánica. Colaboración con el artista Ruben Ramos Balsa
A exposición itinerante e interactiva «Galicia 25. Unha cultura para un novo século» estará en Ferrol en Exponav. Centro Cultural e Social da Armada. Edificio Herrerías a partir do 10 de febreiro. A mostra, realizada en colaboración con Caixanova, forma parte do programa de actos organizados polo Consello da Cultura Galega para conmemorar os seus primeiros 25 anos (1983-2008). Con anterioridade a exposición, que viaxará por todas as cidades galegas, puido verse en Vigo e Pontevedra. En Ferrol poderá contemplarse ata o 1 de marzo.
Estructurada arredor das denominacións "formas e espazos", "palabras, imaxes e sons" e "fíos e desafíos" a exposición "Galicia 25. Unha cultura para u novo século" abrangue arquitectura e identidade, cultura ambiental, espazos da comunicación, deseño e industria, historias debuxadas, o valor do patrimonio, a creación, a sociedade do coñecemento, os sons do lugar, o territorio luminoso das palabras, a festa dos mais novos, o libro, imaxes e ficcións, artes escénicas e as diferentes posibilidades e presenzas de Galicia no mundo por todos os camiños ou navegando outros mares.
A mostra, conformada por 25 módulos ou unidades temáticas, "non é un inventario, senón mais ben unha mensaxe de futuro e unha expresión da pluralidade e do policentrismo da cultura galega", afirma Ramón Villares, Presidente do CCG, que tamén salienta o que que cualifica como "excepcional exemplo de cooperación por parte da iniciativa privada e das institucións públicas". Unha idea do CCG acollida e apoiada por Caixanova que contou tamén coas contribucións da Presidencia da Xunta de Galicia e da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia. Villares destaca a importancia e a significación da cultura "como elemento sustancial da identidade do país e compoñente decisivo na configuración da Galicia da Autonomía"
Para Victor F. Freixanes, comisario da exposición xunto con Iago Seara e Henrique Monteagudo, "Galicia 25" é "un escaparate da cultura galega, a imaxe dun país en marcha que ten algo que dicir e quere dicilo, unha cultura e un idioma con capacidade para dialogar e interactuar con outras culturas e outros idiomas en igualdade de condicións, sen arrogancias e sen complexos". |
|